Unha marabilla de libro, un texto moi ben
escrito por Clodio González Pérez, o libro
escribe sobre a terra, a auga e o viño do Ribeiro. Da terra
trae a historia do ribeiro, da auga a súa importancia e do
viño continua coa historia.
Os apartados de
As catro estacións no ribeiro, distinguindo por exemplo "a
primavera" e "a primavera nas terras do Ribeiro" , e así
coas outras tres estacións, é todo un espectáculo de color
e de vida, unha mezcla increible con fotografías
marabillosas e un texto acorde as fotografías.
Clodio González Pérez
é natural de Cenlle, mestre,
etnógrafo, historiador, membro da Real Academia Galega,
Cronista Oficial do Concello de Cenlle e cunha abundante
produción , con cantidade de libros e traballos incrible.
Por certo que as fotografías son nada menos que de
José Antonio López Martinez, un fotógrafo
marabilloso que para mín ten as mellores fotografías da
paisaxe da nosa Provincia. Lembrar o libro "Ourense Natural"
por poñer un exemplo.
Un libro
imprescindible no seu texto e nas fotografías (por certo
moitas delas a doble páxina).
Libro
editado pola Deputación de Ourense.no ano 2003.
Poño un anaquiño do libro xusto no comenzo de
"O Ribeiro terra, auga e viño" e no apartado de "Tempo e
paisaxe":
..."Hai tanto Ribeiros como días ten o ano, que muda a
súa fisiognomía co paso das estacións, dende que empezan a
agroma-las primeiras follas das cepas na primavera, ata que
se arrebatan os refachos do vento circio outonal. Un pequeno
universo de volumes e contrastes, de formas, cores e
recendos, sen par no resto da Galicia interior, antes e
agora. Toda a flora inflúe na fasquía desta paisaxe, pero
nada sería igual se faltasen as cepas, porque elas son
precisamente as que lle dan carácter de seu dende hai
séculos a esta vizosa terra.
O home e
a muller, ou a muller e o home, porque aquí traballan dende
sempre ámbolos dous por un igual, domaron a abrupta
orografía ribeirá coas súas mans e coas aixadas e os rodos;
refixérona de tal xeito que ata as ermas costas penedías se
converteron en productivos e soleados socalcos, suaves ou
pendentes, que dende os fondais e valgadas dos ríos chegan
na súa vertixinosa ascensión ata case os cumes dos montes, a
semellanza de grandes chanzos ou pasos dunha imaxinaria e
ciclópea escaleira que quixese poñer en comunicación a auga
e o ceo, e, entre ámbolos dous, o viño.
O cromatismo
paisaxístico tamén se transformou, trocárono os ribeiráns ó
longo dos séculos de laborioso esforzo, semellando en pouco
o da época castrexa e medieval, e outro tanto cómpre dicir
verbo do de hoxe en día e do século XVIII. A cor depende das
castes de cepas, das diversas tonalidades do verde das súas
follas, así como tamén das que lle concede o outono pouco
antes de que fenezan, de que empece o adormecemento
invernal. Desaparecidos os centenarios soutos de castiñeiros,
minguadas as carballeiras esmorecidos os erbededos, os
montes tornáronse máis oscuros, consonte coa cor da frouma
dos piñeiros de repoboación que agora se estenden por todas
partes, e máis aínda pola ameaza invasora da mimosa, esa
planta allea que galopa desbocada sen deixar un oco que lle
faga de respiro á flora autóctona..."
Poño dúas
fotografías das moitas que ten o libro, sensacionais,
observar o tamaño do libro:

A fotografía dice:
"O outono no Ribeiro é a estación máis fermosa
do ano. A igrexa de Beade entre as viñas". É
impresionante.

A fotografía dice:
"O lago do encoro de Castrelo de Miño. Na outra
banda sobresae o coto de San Cibrao, repoboado de
cepas novas.". Outra extraordinaria foto.
O libro é de 29x24
cms.
---o---

Libro editado por Ediccións Xerais de Galicia S.A. en 1992.
O libro é outra auténtica marabilla e un gran traballo, en
parte recolle a tesis coa que Luis Domínguez Castro,
licenciado en Historia Contemporánea, con premio
extraordinario, e que precisamente se doctorou coa máxima
nota do tribunal cunha tesis recollida, en parte, neste
traballo.
Luis Domínguez Castro naceo en
Camporredondo, en 1959, e foi alumno do ITEM de Ribadavia. Por certo
excelente alumno.
O libro é dunha lectura doada, persoalmente paréceme un
libro marabilloso e de lectura imprescindible si se quere
entender o que supoñen os viños, as viñas e profundizar nas
xentes do Ribeiro. Todo o libro deixa ver unhas ideas e
conclusións con fundamentos, que se explican na
contraportaba, rematando cunhas conclusións finais, que se
recollen no último capítulo e que se agradecen.
Aproveito o sensacional resumen que aparece na
contraportada:
..."Velaquí, a historia do Ribeiro nos dous últimos
séculos. Unha das terras máis ricas, enblemáticas, e de máis
tradición e sona de Galicia. "Abonda con mencionar o nome
desta comarca para que ecoen nos nosos sentidos sensacións
calorosas, relembros saudosos, ledicias vividas e pousos
históricos", di no limiar o catedrático Ramón Villares.
O autor aborda o coñecemento desta
bisbarra a través de dúas liñas de investigación: o estudio
da propiedade da terra e o estudio das familias (as
economías familiares) arredor da súa principal fonte de
riqueza e comercio: o viño.
A desarmortización de Mendizábal, os
movementos agrarios, a redención do foro, as claeses sociais,
os tipos humanos, os traballos de vendimia, as cerimonias e
celebracións, os mercados, o transporte, a alimentación, a
cultura doméstica e popular, etc., aparecen nestas páxinas
coa sistematización obrigada de investigador, pero tamén co
talento de quen sabe mergullarnosos no mundo de sorprendente
riqueza e seducción"....
---0---

Editado polo Instituto de Estudios
Carballiñeses no 2007.
Aproveito para falar desta xoia de libro,
para mín imprescindible no estudio do Ribeiro, porei
tres
textos, un do meu compañeiro de "mili" Avelino Muleiro
García que escribe o prólogo do libro e onde fala deste gran
traballo. Poño tamén a contraportada do libro, que aclara
moito sobre o libro, e un terceiro texto,
dos máis de douscentos noventa artigos que estudia en título
principal, e dos 2.100 que aparecen no índice
toponímico: un artigo, A Barca, que Frutos Fernández
estudia neste marabilloso libro, por poñer un exemplo.
¡Menudo traballo!.
¡Incrible!.
A miña
enhoraboa por este libro. Un orgullo que foxe meu alumno no
ITEM de Ribadavia naqueles anos.
Contraportada do libro:
"...Frutos
Fernández González (San Clodio, 1956).
Licenciado en Ciencias Químicas pola USC e en Ciencias
Económicas e Empresariais pola UNED, desenvolve o seu
traballo como catedrático de Física e Química no Instituto
do Carballiño. Dende hai anos complementa as súas
actividades docentes coa investigación histórica, centrada
na comarca do Ribeiro. Membro do Instituto de Estudios
Carballiñeses, ten publicado numerosos traballos en revistas
como o Boletín Avriense, Ágora do Orcellón ou Argentarivm.
Tamén é membro da Asociación Galega de Onomástica; neste
campo, na súa dimensión histórica, ven traballando no
estudio da onomástica persoal na xurisdición de San Clodio
do Ribeiro no século XVI. Este libro,
Nomes do Ribeiro, o primeiro
seu, nace do convencemento de que a onomástica en xeral, a a
toponimia en particular, resulta, como di Avelino Muleiro no
prólogo, de grande utilidade para entender importantes
pegadas históricas no desenvolvemento da cultura, da
economía, dos costumes, das transformacións da sociedade e
incluso das crenzas dunha poboación, dunha comarca ou dun
grupo social máis amplo..."
Trociño do Prólogo, escrito por Avelino
Muleiro García, Director do Instituto de Estudios
Carballiñeses:
"...Pois ben, o
meu amigo Frutos quedou seducido polos cantos miríficos da
toponimia e decidiu mergullarse plenamente nas súas augas ó
longo deste últimos anos, sucumbindo así a fascinación desta
ninfa protectora de montañas e arboredas, de mananciais e
ríos, de vales e frías grutas. E abofé quese mergullou
totalmente, pondo no envite toda a súa ilusión, como adoita
facer con todo aquilo co que se compromete. Xa sabemos que a
acción humana se explica non só pola deliberación senón
tamén pola paixón, sen saber a priori cal destas dúas
forzas habera de primar nunha situación dada. O caso é que
Frutos sempre aposta pola deliberación e pola razón nos
asuntos da toponimia, non esquecéndose de aplicar unha boa
dose de paixón nas súas pesquesas. Sei que anda
entusiasmado con esta nova afección onde leva desenvolvendo
con elocuencia, e non só con veracidade, algunhas
interesantes pescudas. Pero non só se pode dicir que ten
afección pola toponimia; hei de confesar que é un auténtico
experto na materia, con criterio na indagación e método
riguroso na resolución. Pero ademais -dato que lle aporta un
mérito engadido- Frutos Fernández non reune profesionalmente
o perfil toponimista, porque non é un home "de letras" no
sentido en que se entende vulgarmente esta expresión. Os que
se adican a este tipo de estudios son, normalmente,
filólogos. Frutos é un home de "ciencias"; é licenciado en
Química e profesor da misma disciplina cun xa longo
percorrido e ateigado currículo. Esa formación científica
detéctase inmediatamente ó comprobar o rigor metodolóxico e
o enfoque preciso que lle imprime ós seus traballos de
investigación. Na toponimia, científicos como Frutos
desenvólvense a pleno gusto seguindo a máxima de Einstein
segundo a cal "a imaxinación é máis importante có
coñecemento. A imaxinación circunda o mundo". É ben certo
que cómpre respectar unha razoable fidelidade ás regras de
xogo que cada disciplina propón..."
Ata aquí o trociño do prólogo.
A continuación poño un pequeno exemplo dos
2.100 nomes que trae o libro "Nomes do Ribeiro".

A Barca entre Ribadavia e Reza, na confluencia do Avia e do
Miño
"...B8. A
Barca
Os topónimos A Barca fan referencia a
antigas barcas, un dos medios de transporte máis usado para
vadear ríos de certa importancia, en tempos nos que as
pontes eran máis ben escasas. No Ribeiro soamente queda con
ese nome o lugar da Barca de Barbantes, pero tanto no
Miño como no Avia houbo outras barcas que deron o seu nome
a algún que outro lugar.
No Miño estaban as barcas
máis importantes. Durante a maior parte da época moderna,
foron a única maneira de salvar o río no Ribeiro. A Ponte de
Castrelo de gran importancia na época medieval derrubouse a
mediados do século XVI e nunca se chegaría a reconstruír. A
actual ponte de fero data de finais do século XIX. A
barca máis destacada foi, sen dúbida, a de Barbantes, entre
as freguesías de Laias e Feá, da que se teñen noticias desde
a Idade Media. A mediados do século XIX era capaz de
transportar nunha sola viaxe tres carros de bois e
abundantes pasaxeiros. Outras barcas do Miño foron as
de Trasariz, Sanín e Troncoso. Na desembocadura do Avia
existe tamén o término da Barca, no antigo Porto
Corbeira; desde aquí saía a barca que cruzaba o Miño e
comunicaba Ribadavia coas terras de Arnoia. Cando eu
estudaba o bacharelato en Ribadavia, nos anos sesenta do
pasado século, tódolos rapaces de Arnoia aínda viñan a
Ribadavia na barca. Augas abaixo tivo grande importancia a
barca de Porto Miranzo, e sobre todo a de Filgueira. No Avia
están documentadas antigas barcas na Quinza, Beade, Esperela,
Ribeira, Pazos de Arenteiro e Bieite.. Xustamente aquí en
Bieite temos unha das referencias documentais máis antigas
dunha barca para o paso dun río en Galicia, data do ano
1249; "...mean leyram de Veyga de Benedicte, de casali
meo de Ualle illam, scilicet, que íacet directe ubi solet
ambulare barcus; et incipit a ríuulo..."
61
61
CDSC, doc. 68,1249, p.306 (Lúcas Álvarez, M. e Lucas Dominguez,
P. (1996) El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la
Edad Media. Estudio y documentos. Seminario de Estudios
Gallegos Edicións do Castro)..."
Para rematar, o libro presentouse o día
28/12/2007 no Carballiño e
este é un resumo do día da presentación; curioso moi
curioso...
---O---