JEANFRUJO

(Frutos Fernández González)

Instituto Laboral de Ribadavia no ano 1958. A liña de árbores que se ve a dereita da fotografía é o canle do río Maquiás que ten moito que ver co relato de Frutos Fernández e pode así situar o texto JEANFRUJO perfectamente. Descoñezo o autor da sensacional fotografía.

 

As tecnoloxías teñen que servir para moitas cousas, neste mapa do Google Earth está situado o Instituto actual, tamén por onde vai o Regato Maquiás (en azul), e seguramente onde está situado o famoso pobo de Jeanfrujo (penso que é moi arriba...a confirmar...)

 

Pola miña banda debo aclarar, para situar o texto,  que no  mes de maio do 2008 Frutos Fernández González presentou no Instituto O Ribeiro de Ribadavia, ou sexa o noso instituto,  o seu libro Nomes do Ribeiro. Ese día ademais de falar sobre o seu libro e sobre a toponimia do Ribeiro fixo lectura dun texto que titulou Jeanfrujo e que se recolle na súa páxina web, texto que copio máis abaixo.

Ou moito me equivoco ou entre os alumnos  que están con Jesús Gómez e D. Gerardo Vidal  vexo a Angel, a ezquerda o Larós e a esquerda deste o Frutos ...

Decir que Frutos Fernández foi alumno do Instituto Técnico de Enseñanza Media de Ribadavia, onde fixo o bacherelato elemental entre os anos 1966 a 1971.

Este é o texto, o que únicamente engandín dúas fotografías:

          ------------------------------------------------------------------------------------------------------

JEANFRUJO

Frutos Fernández Glez.

Dibuxo de J. Prada Fondo Meruéndano do Museo Etnográfico de Ribadavia

A verdadeira medida da vida é a lembranza.

Walter Benjamin

           Lembro perfectamente a primeira vez que vin a este Instituto. Era un cálido e luminoso día do mes de xuño do ano 1966: ¡xa choveu!. Foi o ano que gañou a liga o  Aleti, o de Madrid, o meu equipo.  Aquel de Madinabeitia na portería, con Rivilla, Griffa e Calleja, na defensa; Colo e Glaría na media; e, Ufarte, Luís, Mendoza, Adelardo e Collar, na dianteira. Tamén foi o ano do mundial de Inglaterra. Ese verán viría aquí a Ribadavia, ó Bar Alfonso, no coche dun tío meu do Brasil, a ver tódolos partidos televisados daquel magnífico mundial, o de Eusebio, a perla negra de Portugal. España fixera a súa preparación en Galicia da man do Dr. Balmanya, e na Coruña, o 23 de xuño dese mesmo ano, a véspera do san Xoán, vin eu por primeira e única vez en vivo ó equipo nacional. Foi unha data que non esquecerei mentres viva. Xogara España contra Uruguai e empatamos a un gol. O de España marcárao o malogrado Carlos Lapetra, estremo esquerdo daquel Zaragoza inesquecible dos cinco magníficos: Canario, Santos, Marcelino, Villa e Lapetra.

           Pero, o primeiro día que eu vin a este Instituto non viña a xogar ningún partido de fútbol, viña facer a proba de ingreso do antigo bacharelato, unha proba oral e pública realizada neste salón de actos. Unha proba que me capacitaría para que eu asistise diariamente a este centro durante cinco inesquecibles anos. Comigo viñan desde a escola de San Clodio, o Bardelás, O Tejerindo, O Zocas e o Miluco de Cabo. Don Lucio, o meu querido mestre, que coma todos os mestres das escolas do Ribeiro, viñera cos seus alumnos á proba, quedara moi contento de que os cinco superáramos o exame. Entre aqueles nenos que ateigaban este salón, perfectos descoñecidos para min nese momento, estaban moitos que habían de ser grandes amigos meus: O Meixengo da Arnoia, O Soutullo de Castrelo, O Cesarito de Quines, O Comunista de Xinzo, O Nicolás da Comadrona, O Chao de Osebe, O Coello de Carballeda, O Otero de Berán, O Larós de Leiro…. Multitude de nomes que podería seguir recitando e que ocupan algún dos arquivos máis indelebles da miña memoria, e iso a pesar de que a moitos dos que acabo de citar non os vexo desde hai moitos máis anos ca idade tendes vós. Logo iríanse incorporando os nomes dos profesores, algúns deles xa meros nomes na memoria: Don Gerardo de Educación Física e Formación do Espírito Nacional; Don Guillermo de Xeografía e Historia; A Orosa de Organografía; Don Manolo de Carpintería; Don José Benito de Lebosende, hoxe párroco do Carballiño, de relixión; Don Julio de Agronomía; A Lula de francés; O Cerilla de electricidade; Don Pepito de forxa; Don  José María de Física e Química; Doña Conchita, a de debuxo.. Don José o de correos e Don Secundino, de matemáticas; O Burgos e doña Margarita, de literatura…. Tamén os nomes da nova xeografía se foron incorporando á miña memoria: A Vichita, San Francisco, A Costa do Sarralleiro, A Cuenga, A Foz, A Barca, A Fonte da Plata, A Beronza... A Beronza era o lugar ideal para latar as clases nas soleadas tardes de primavera. Moitas veces íamos alí, simplemente para tombarnos na herba e observar a heroica loita das troitas no seu intento por subir a presa, na busca de augas máis puras e frías. Outras veces latábamos para ver os adestramentos do Ribadavia Atlético, no Xestal, e as tardes dos días de feira, para ir ó cine Río. Boa parte das nosas aventuras de despois do xantar desenvolvíanse arredor do regato Maquiás, ou río Beronza.

Río Maquiás. "O lugar das aventuras de Frutos e outros alumnos". Fotografía S. Lorenzo (02/03/2009)

 Lembro especialmente o día que, nunha viaxe de descubrimento, seguindo o curso deste regato río arriba, atopamos un pequeno lugar abandonado. A aquel pobo descoñecido para nós, que hai pouco descubrín que tiña por nome verdadeiro o de Maquiás*, bautizámolo. Puxémoslle un nome que certamente non resulta moi eufónico, ou o que é o mesmo moi musical, pero creo que foi a primeira relación seria que eu tiven coa toponimia. O nome que lle puxemos ó lugariño foi Jeanfrujo. A verdade, agora soa un pouco raro, pero detrás del tamén hai un significado. Hai algúns anos descubrín que ese nome que nós inventáramos era un acrónimo, do grego akros “extremo” e ónoma “nome” un nome formado por siglas, coma, por exemplo Coren que, como sabedes, significa Cooperativas Orensanas, ou ANPIAN, que era o nome da empresa de autocares que traía ós de Castrelo a Ribadavia, e que son as iniciais de Antonio Piña Antón, o fundador da empresa, e por iso o nome non leva –m- antes do –p-.

Río Maquiás moi preto do Instituto por onde facían as súas "viaxes de descubrimento" . Fotografía S. Lorenzo (02/03/2009).

Escondía Jeanfrujo, o nome que nos lle puxemos ó pobo abandonado, as iniciais dos seus descubridores: Jesús Chao, Antonio Mateo, Frutos Fernández, aquí presente, e José Vázquez. Foi un topónimo malogrado Jeanfrujo, pero aí está na miña memoria, e supoño que tamén na dos meus compañeiros. Sei que se nalgunha ocasión un deles non me recoñecese e a miña vida dependese del, bastaríame a min pronunciar a palabra máxica, Jeanfrujo, para que inmediatamente o vello amigo se abrazase a min emocionado.

 

É o que teñen os nomes compartidos na infancia, na adolescencia ou na mocidade, acompañaranvos toda a vida, e cos anos veredes como agroman con nova forza. Será cando a idade, xa certa, vos traia a nostalxia do tempo perdido. Moitas Grazas.

 

 

 

*Díxomo o meu amigo José Luis Chao; el ía de pequeno a ese lugar. Como agasallo deume unha copia do debuxo que figura na cabeceira do texto. Está asinado por un tal J. Prada. O orixinal, xunto con outros debuxos da súa autoría, está no fondo Meruéndano do Museo Etnográfico de Ribadavia. Suponse que estes debuxos foron realizados entre finais do XIX e principios do XX.

 

 

--------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ata aquí o texto íntegro deste relato de Frutos Fernández  que repito tamén se pode ler na súa páxina web entre outros. Darlle as gracias e emplazalo para que nos envie máis lembranzas do Instituto, que seguro que as ten,  e por suposto para que o día 30 de maio deste ano esté con nós na Veronza.

Páxina persoal de Frutos Fernández.

 

Saír